Gala do Economista: seguimos facendo Colexio

01/07/2025
Gala Economista 2025

O pasado 27 de xuño, máis de douscentos colexiados e familiares reunímonos nas instalacións de Oceánico As Garzas, na Coruña, para asistir á Gala do Economista, unha velada na que celebramos todo o que nos une. 

 

📸 ACCEDE Á GALERÍA DE FOTOS

🎥 ACCEDE AO VÍDEO RESUMO

 

O inicio do acto, conducido pola xornalista Mónica Martinez, correu a cargo do flamante Presidente do Consejo General de Economistas, Miguel Vázquez Taín, quen antes de presentar ao novo Decano do Colexio, José Canalejas, tivo unhas palabras de despedida: “Quero agradecervos a confianza depositada en min durante o últimos trece anos aos colexiados e aos compañeiros da Xunta de Goberno. Foi unha honra representarvos, igual que agora o é encabezar o Consello Xeral”, indicou. 

José Canalejas, pola súa banda, sinalou aceptar o cargo “con responsabilidade e compromiso, con ganas de traballar e coa firme vontade de estar ao voso servizo”. Finalizo a súa intervención cunhas palabras para Taín: “A túa elección é o reflexo dunha traxectoria profesional impecable, do teu compromiso coa profesión e da túa capacidade de liderado. Pero tamén representa, en certo xeito, un recoñecemento ao traballo colectivo de todo o noso Colexio e ao prestixio que, grazas a ese esforzo compartido, alcanzamos tanto entre outros Colexios como dentro do propio Consello”.

A continuación, tivo lugar a homenaxe aos colexiados que ao longo deste ano cumpren un cuarto de século de pertenza ao noso Colexio. Tras a entrega do diploma e a insignia do Colexio, foi Rocío Castelo Romarís quen tomou a palabra en representación dos seus compañeiros para reivindicar o “valor incalculable da nosa profesión”. “Ao longo deste último cuarto de século”, precisou, “os economistas estivemos aí, ofrecendo a nosa experiencia, rigor e visión para guiar a empresas e particulares na toma de decisións cruciais. E neste camiño, o Colexio de Economistas foi, e segue sendo, un alicerce fundamental”.

Deuse paso posteriormente ao acto de benvida aos colexiados que se incorporaron ao Colexio desde a celebración de San Pablo 2024 ata a data, un total de 50, e á entrega dos títulos do Máster en Fiscalidade e Tributación do Colexio, sendo nesta ocasión os alumnos da décimo sétima promoción quen recibiron o seu merecido diploma. 

Agustín Fernández, director do Máster, realizou na súa intervención un triplo agradecemento: “aos alumnos, en primeira instancia confiarnos a súa formación, que é como dicir o seu cartón de presentación no mundo laboral; aos relatores, pola súa permanente disposición e implicación, e aos despachos e empresas dos colexiados, por acoller aos alumnos para completar o programa lectivo”. 

Tras a súa intervención, tivo lugar a entrega á Cociña Económica da Coruña da cantidade recadada no curso de Renda, celebrado o pasado mes de maio. A entrega foi realizada por Ramón Juega Costa, Tesoureiro da Xunta de Goberno, a Francisco Rey Rodríguez, Secretario da entidade benéfica coruñesa.
A parte protocolaria do evento finalizou coa intervención de Diego Calvo Pouso, Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, quen minutos antes xa subira ao estrado para recoller o seu diploma e insignia polos seus 25 anos de colegiación. 

Felicitou, en primeiro termo, a Taín polo seu novo cargo como presidente de todos os economistas españois, “que como ben sinalou José Canalejas, o noso novo Decano, creo que parte dese éxito é froito do traballo do noso Colexio”.  Resaltou a continuación o traballo de todos os profesionais, -“especialmente a súa capacidade analítica e axuda na toma de decisións”- para terminar cunha frase que veu resumir o sentir xeral da velada: “Sinto orgulloso de ser economista”.

Á celebración acudiron representantes da administración autonómica e local, de entidades financeiras e organizacións empresariais ou do ámbito universitario, tales como Belén Do Campo Piñeiro e Martina Aneiros Barros, delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, respectivamente; Fernando González Laxe, expresidente da Xunta e Colexiado de Honra do Colexio de Economistas coruñés, Sonia Lafont Sendino, Directora da Atriga ou Carmen Socorro Lema, Decana da facultade de Economía e empresa da UDC, entre outros. 

A celebración da Gala do Economista finalizou cun coctel ata entrada a medianoite no que todos os asistentes tivemos a oportunidade de compartir uns momentos de lecer e cordialidade xa que, en definitiva, XUNTOS FACEMOS COLEXIO.