A AEAT informa sobre as novas utilidades das súas ferramentas dixitais para contribuíntes e asesores

REAF Xornada AEAT

Organizada polo Rexistro de Economistas Asesores Fiscais (REAF-CGE) , o pasado 15 de xullo tivo lugar unha sesión titulada “Dixitalización da AEAT: novas utilidades para contribuíntes e asesores”, na que participaron o director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, e o  director do Departamento de Xestión Tributaria da AEAT, Gonzalo David García de Castroquen deron conta das novas utilidades das ferramentas dixitais da Axencia Tributaria para contribuíntes e asesores. A presentación da sesión correu a cargo de Valentín Pich, presidente do Consello Xeral de Economistas de España, e Agustín Fernández, presidente do REAF-CGE e secretario xeral do noso Colexio, foi o encargado de moderala.

Aínda que o uso intensivo por parte da AEAT das novas tecnoloxías débese, principalmente, para levar a cabo as súas funcións de investigación e comprobación de situacións tributarias, non é menos relevante a súa utilización para prestar servizos de asistencia a contribuíntes e asesores. Un bo exemplo do anterior constitúeno os asistentes virtuais para IVE, para declaracións censales ou para informar sobre o IRPF. Estas ferramentas teñen o seu mellor expoñente nas novas Administracións Dixitais (ADIs). Tanto Jesús Gascón, como Gonzalo David García de Castro, quixeron facer fincapé na importancia destas novas ADIs que a Axencia Tributaria está a pór en marcha e “que constitúen un ‘mostrador virtual’ deseñado para facilitar o cumprimento voluntario con máis e mellor información e asistencia ao contribuínte e ao profesional tributario”.

A creación das ADIs, un dos principais proxectos do Plan Estratéxico da Axencia 2020-2023, e que se impulsa tamén coa súa incorporación no compoñente 27 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, xorde da posibilidade que hoxe en día ofrecen as novas tecnoloxías para axuntar o mellor dos dous grandes vectores tradicionais de asistencia ao contribuínte, aos cales, lembrou Gascón, “as ADIs complementan a partir de agora: a habitual axuda presencial e a alternativa telemática de autoservizo de calidade”.

As ADIs son oficinas que operan nunha contorna multicanal, superando o concepto tradicional de asistencia personalizada mediante centros de atención telefónica. Para prestar o seu servizo, contarán coas distintas ferramentas telemáticas que ofrece a tecnoloxía actual, desde asistentes virtuais ata chats instantáneos e videollamadas, pasando polo teléfono tradicional e o ‘click to call’ (botón de chamada na web), entre outras canles. A utilización dunha ou outra ferramenta, ou de varias delas consecutivamente, dependerá de cada servizo e trámite, e do grao de identificación electrónica requirido en cada caso. “Xunto coa facilidade e comodidade de acceso para o profesional tributario por non ter que acudir fisicamente á oficina”, indicou o director de Xestión da Axencia Tributaria, as ADIs ofrecen un horario ampliado, de 9 a 19 horas, que duplica ao que se dedica á atención ao público nas oficinas presenciais tradicionais.

Por outra banda, e ao contar con persoal especializado e exclusivamente dedicado á asistencia, refórzase a homoxeneidade e a calidade do servizo ao contribuínte, o que favorece, á súa vez, a unidade de criterio na aplicación da norma tributaria e, con iso, a seguridade xurídica. As ADIs ofrecen entre os seus servizos o denominado ‘Informa+’ a través do que os profesionais tributarios ou o propios contribuíntes poden formular preguntas á AEAT sobre cuestións tributarias ás que as ADIs darán resposta por escrito de forma que o solicitante da información obteña unha resposta con que lle dea certeza xurídica sobre o tratamento tributario dunha determinada operación económica que prevé realizar. Tratarase de respostas personalizadas preparadas por especialistas reforzando a seguridade xurídica.

O presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Valentín Pich, referiuse aos servizos dixitais que presta a AEAT como “unha historia de éxito e un referente para calquera Administración Pública en materia de uso de novas tecnoloxías”, pero tamén incidiu na necesidade de que “estas ferramentas dixitais da AEAT non substitúan, senón complementen, a atención presencial”. Así mesmo, indicou Pich que “aínda que a AEAT ha de ser dura cos infractores, debería ter un trato exquisito cos contribuíntes habitualmente cumpridores aínda que cometan algún erro involuntario”.

Pola súa banda, o presidente do REAF, Agustín Fernández, manifestou que “se melloraría a eficiencia dalgúns procedementos tributarios se se puxese en marcha unha atención personalizada para asesores fiscais, porque así se facilitaría unha rápida resolución de expedientes que adoitan ser notablemente máis complicados e que, agora, tenden a dilatarse no tempo e a orixinar recursos e reclamacións”.