Logotipo da escola de economistas de A Coruña
Zona Privada
usuario:
Contraseña:
emprégate!
Plataforma de elearning
Boletin "O Economista"

Último boletín Descarga o Boletín “O economista”.

pdf Descárgao 3.78Mb

Directorio de colexiados
Enquisas

Non hai enquisas.

logo fundacion

Premio Ideas

 

Este premio, para o que se conta coa colaboración da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, está destinado a recoñecer as iniciativas dirixidas a impulsar o desenvolvemento da economía, co obxectivo de promover e difundir a cultura emprendedora. 

O Xurado do Premio Ideas está composto polo Padroado da Fundación, que, á súa vez, intégrase polos cargos da Xunta de Goberno do Colexio de Economistas da Coruña, así como por destacados e ilustres empresarios de recoñecido prestixio.

Ao longo das catro edicións celebradas, a Fundación Unha Galicia Moderna premiou a un total de 13 iniciativas de mozos emprendedores. Son as seguintes:

 

PREMIADOS I EDICIÓN


Galchimia:

Autores: Jacobo Cruces Coado, María do Carme Pampín Casal. Premio: Tres Mil Euros (3.000 €)


A idea dunha empresa dedicada á preparación de produtos químicos altamente especializados xurdiu a mediados do ano 2.000, como consecuencia da experiencia e relación dos promotores coa Universidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, Galchimia S.L. preséntase como un proxecto de alto contido en I+D, que na actualidade conta xa cun persoal de 7 persoas, 6 das cales son doutores en química de alta cualificación.

O negocio deste proxecto encádrase no sector da elaboración de produtos químicos en pequenas cantidades (de miligramos a quilogramos) que non constan en ningún catálogo comercial, que na maior parte dos casos nunca foron producidos e que esixen un investimento en I+D considerable.


Wireless:

Autores: Xurxo Cegarra González, Antonio Álvarez Pérez, Eloy Calatayud Álvarez, José Manuel Barros Pérez e Florentino G. Vázquez Branco. Premio: Tres Mil Euros (3.000 €)


O proxecto empresarial Wireless Galicia, Solucións Inalámbricas, xurdiu dun grupo de alumnos dun Master de Telemática con ampla experiencia no sector. O seu obxectivo principal é o proporcionar solucións de acceso inalábrico as empresas, institucións e particulares, así como o desenvolvemento e implantación de novos servizos de valor engadido baseados en tecnoloxía IEEE802.11.

O avance das Novas Tecnoloxías, o avance das redes de comunicación, o aumento da oferta e o abaratamento dos equipos de usuario inalámbricos fan destas solucións unha atractiva alternativa ás tecnoloxías tradicionais, moi limitadas en canto a mobilidade, flexibilidade, rapidez de instalación, etc.

 

MrMisto:

Autor: Autor: Xoan X. Mariño Louro. Premio: Mil Euros (1.000 €)


O proxecto Mr. Misto Films nace no Máster de Produción e Xestión Audiovisual que desenvolve a Universidade da Coruña xunto á Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia. O alumno Xoan X. Mariño Louro exponse a creación dunha empresa no sector audiovisual co obxectivo de dinamizar un sector en Galicia considerado como estratéxico pola administración.

Mr. Misto Films pretende pois achegar o mundo audiovisual a todo tipo de públicos en diferentes espazos e centros de lecer, a través dun circuíto de proxeccións (Rede Galega de Cine Alternativo) espallado por toda a xeografía galega. Especialmente preténdese introducir no mercado produtos tradicionalmente pco comercializados en salas de exhibición, como a curtametraxe.

Así mesmo, preténdese conxugar o sector audiovisual co sector hostaleiro, a través do mundo do Café-Teatro, escenario físico adecuado para pór en práctica a citada Rede galega de Cine Alternativa.


Xogada:

Autores: Sergio Lago Varela, Óscar Donsión Martínez, David Rodríguez Touro e outros. remio: Mil Euros (1.000 €)


Xogada Imaxe e Música pretende establecer un Estudo de Deseño Gráfico e Fotografía que integre todos os servizos necesarios para que calquera músico ou grupo musical (especialmente os amateur) poidan editar a súa música, ademais de desenvolver servizos máis convencionais de deseño gráfico, duplicación de discos compactos, fotografía e deseño de roupa. A idea naceu pola experiencia dos promotores dentro dun mundo musical amateur semi-profesional, observando como a imaxe nos traballos destes grupos adoita estar moi descoidada, ben por descoñecemento, ben porque outras empresas ofrecen solucións non integrais e inviables economicamente.

En definitiva, esta iniciativa empresarial supón o cubrir un oco no mercado que se atopaba até o momento baleiro: a edición profesional a músicos afeccionados ou polo menos que non están dentro do mercado nacional.

 

 

PREMIADOS II EDICIÓN


Nanogap:

Autoras: Mª da Carmen Buján Muñoz, Mª da Carmen Branco Varela e María Rodríguez. Premio: Catro Mil Euros (4.000 €).


Nanogap, representada por Tatiana López do Río, saíu do viveiro de empresas creado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), que preside actualmente o reitor da Universidade da Coruña, José Mª Barja. A súa experiencia no Centro de Experimentación e Desenvolvemento Empresarial de FEUGA serviulle para desenvolver proxectos baseados na nanotecnoloxía, utilizada polos científicos para crear materiais, aparellos e sistemas funcionais e pouco custosos a través do control da materia a nano escala -a mil millonésima dun metro. Nanogap pretende a explotación comercial dun procedemento de produción de clústeres cuánticos atómicos, desenvolvidos despois de máis de vinte anos de investigación no campo da nanotecnoloxía. As partículas ofrecidas por esta entidade terán aplicación nos campos das tecnoloxías da comunicación e medio ambiente, así como nos sectores médico e farmacéutico.


Insido Devices:

Autores: Iago Soto Mata e Elías Pérez Carreira. Premio: Mil Cincocentos Euros (1.500 €)


Insido Devices, representado por Iago Soto Mata e Elías Pérez Carreira, centra o seu negocio en produtos tecnolóxicos innovadores dirixidos aos campos da identificación por radiofrecuencia, telefonía IP e telefonía móbil GMS. A actividade da empresa basearase na fabricación e ensamblaje de equipos de comunicacións, así como explotar novas liñas de negocio en mercados emerxentes.


Patente sobre Pantaláns Flotantes:

Autor: Emilio F. García García. Premio: Cincocentos Euros (500 €)


O terceiro proxecto, presentado por Emilio F. García García, baséase na comercialización dunha Patente sobre Pantaláns Flotantes, coa consecuente construción e posta en obra. O negocio está orientado a crear espazos confinados de lámina de auga para logo instalar pantaláns que serían utilizados por embarcacións. A proposta é utilizar as infraestruturas existentes e crear así novas liñas de atracada para embarcacións deportivas ou pesqueiras, coa posibilidade de crear paseos marítimos.

 

 

PREMIADOS III EDICIÓN


Imásde:

Autora: María Estevez Forneiro. Premio: Seis Mil Euros (6.000 €)


IMÁSDE é unha proposta de empresa de base tecnolóxica dentro do sector da biotecnoloxía e dirixida á cirurxía estética. O obxectivo da empresa é utilizar, de cada persoa, as súas propias células (autólogas) da pel e cultivalas, para inxectalas posteriormente e retirar engúrralas da cara, cicatrices e marcas de acne. Unhas poucas células da persoa recóllense e cultívanse no laboratorio da empresa até unha concentración suficiente para a súa utilización. O cirurxián estético inxecta as células en engúrraa, cicatriz ou marcas de acne para retiralas durante un mínimo de tres anos. Esta técnica é a única da cirurxía estética que non ten efectos secundarios.

 

Xenotechs Laboratorios S.L.:

Autores: Carmen González Sotelo; Ricardo I. Pérez Martín; Antonio Álvarez Alonso; Manuel Rei Méndez; Javier Quintero Vázquez. Premio: Dous Mil Euros (2.000 €)


A empresa que conseguiu o primeiro accésit, Xenotechs Laboratorios, SL, ofrece un Servizo Integral de análise, consultoría de calidade e seguridade alimentaria e ambiental. O proxecto aborda a creación dunha empresa de base tecnolóxica cuxa misión é proporcionar á industria alimentaria e ao consumidor as ferramentas necesarias para garantir que comercializa e consome alimentos de calidade e seguros. A carteira de servizos de Xenotechs Laboratorios, SL componse de dúas áreas de servizos diferenciadas: Analíticos e Consultoría-Asesoría. Con esta carteira de servizos quere chegar a cada un dos seus potenciais clientes ofrecéndolles unha solución a todos os sistemas de autocontrol, inspeccións, non conformidades, accións de avance, etc. que xurdan no seu día a día desde un mesmo provedor simplificando o seu sistema de xestión de calidade a través dun servizo integral certificado e cuxa competencia técnica estea acreditada.


Adestra Vida:

Autores: Rodolfo Johnny Arias Durán; Julián Cándido Tedín Novo; Luís Antonio Bragaña Alvarez. Premio: Mil Euros (1.000 €)


Adestra Vida, que recibiu o segundo accésit, é unha empresa dedicada a ofrecer actividades deportivas e lúdicas a colectivos que teñen algún tipo de discapacidade, ben sexa física, mental, sensorial ou social, e persoas maiores, que, polas súas características, necesitan dun programa de traballo específico e adaptado ás súas limitacións. Adestra Vida S.L. conta para todo isto co pavillón Restollal en Santiago de Compostela, acondicionado e adaptado para unha excelente execución das actividades propostas. Ademáis dispón dun salón de recreo para os coidadores mentres esperan polos seus familiares.Ofrecen así mesmo un programa a domicilio personalizado para particulares adaptado aos seus requerimentos individuais e un servizo de fisioterapia que tén como obxectivo dotar á persoa da mobilidade suficiente para que poida adaptarse ao seu contorno e levar unha vida o máis " normalizada " posible.

 

PREMIADOS IV EDICIÓN


Nutrigenomia Technofoods:

Autora: Dª Elda Mª Arana Bonilla. Premio: Seis Mil Euros (6.000 €)


Nutrigenomia Technofoods é unha empresa referente en nutrición funcional grazas a un novo enfoque deste mercado, desde un punto de vista moito máis personalizado e dirixido ás necesidades individuais de cada cliente. O fin de Nutrigenomia Technofoods é facer que cada persoa coñeza a súa predisposición xenética a padecer unhas ou outras doenzas e posteriormente proporcionarlle os alimentos e complementos nutricionais que farán que as patoloxías para as que son propensos desenvólvanse máis tarde. Deste xeito, os clientes de Nutrigenomia Technofoods gozarán de mellor saúde e terán unha vida máis satisfactoria.

  

Raisin D'or:

Autora: Dª Mª Sonia Pérez Prieto. Premio: Dous Mil Euros (2.000 €)


Raisin D'or é unha empresa de recente creación ideada para a produción e explotación de viño desalcoholizado e innovadores produtos derivados do mesmo. O presente proxecto expón un carácter innovador nas distintas liñas de investigación que abre para a obtención de produtos derivados do viño, posto que se basea na investigación e posta a piques de novas tecnoloxías tanto de enriquecemento en polifenoles, técnicas de desalcoholización, obtención de aromas terciarios, demostración de efectos saudables e obtención de novos produtos derivados do viño desalcoholizado.

 

OnTouch:

Autor: D. Carlos Chaves González. Premio: Mil Euros (1.000 €)


OnTouch nace cun marcado carácter tecnolóxico, de innovación aplicada ao mundo empresarial. Tomando como obxectivo o aproveitamento, desenvolvemento e utilización das novas tecnoloxías na comunidade galega no ámbito publicitario, para que estas novas tecnoloxías poidan ofrecer un beneficio á sociedade en xeral, e para a consecución duns obxectivos particulares. OnTouch está enfocada a montar un proxecto de rede fixa de emisores bluetooth nas cidades de Galicia na que o usuario que descarga información no seu móbil poida consultar información do concello, eventos da cidade, turismo, e unha serie de servizos para os cidadáns como correo electrónico, xogos ou conexión en rede con outros usuarios de modo gratuíto.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade